Dedicado a Ian Murdock
----------------------

Ian Murdock, o fundador do proxecto Debian, finou o 28 de decembro de 2015 na
súa casa en San Francisco. Tiña 42 anos.

É difícil esaxerar sobre as contribucións de Ian ó Software Libre. Liderou o
proxecto Debian desde a súa concepción en 1993 ata 1996, escribiu o manifesto
Debian en xaneiro de 1994 e coidou do incipiente proxecto mentres estudaba na
universidade de Purdue.

Ian foi o director fundador de Linux International, CTO do Free Standards
Group e máis tarde da Linux Foundation e líder do proxecto Indiana en Sun
Microsystems, o cal describiu como «tomando o que Linux aportou ós sistemas
operativos e levándoo a Solaris».

O éxito de Debian é testemuña da visión de Ian. Inspirou a unha cantidade
innumerable de persoas en todo o mundo a contribuír coas súas propias habilidades
e tempo dispoñible. Máis de 350 distribucións se recoñecen como derivadas de
Debian.

Por todo isto dedicamos Debian 9 «stretch» a Ian.

 -- Os desenvolvedores de Debian